Quen somos

Para nós facer teatro é, por unha banda, unha necesidade vital, e, por outra, a paixón inevitable dun grupo de exploradores, aquelas e aqueles que decidimos vivir coa “alta vixilia do poeta”.

Non pretendemos aquí facer o cómputo de tantas pegadas como nos deixan estes anos de actividade incesante (Agrupación Teatral Independente en 1980 e Compañía profesional desde 1990), xa que polo visto temos ás pero tamén temos pés, é dicir, soñamos e espertamos.

Case sempre traballamos con emocións de alta intensidade, pouco doadas de trasladar da táboa ao papel ou ao formato electrónico.

Enchemos as nosas vidas de contido e incerteza, porque no grupo hai unha resonancia particular. O tecido interno danos calor e empúrranos a seguir vivindo. Mentres que SARABELA teña algo que desentrañar seguirá viva. Parece ser que tan só as emocións fundamentais sobreviven no tempo.

Ata aquí chegamos e pode que saibamos por onde queremos ir. Os noso obxectivos: facer un teatro bo, un teatro vivo, arriscado, contemporáneo, coherente; con rigor, autocrítica, responsabilidade, resistencia… Corrixir constantemente, mellorar para anovarnos.

O miolo da cuestión é que as palabras hai que velas e oílas.

 

Ánxeles Cuña Bóveda
Directora de Sarabela

Sarabela S.L. conta con financiamento da Unión Europea – NextGenerationEU, no marco das subvencións á aceleración cultural no ámbito das artes escénicas da Xunta de Galicia.