O INCERTO SEñOR
DON HAMLET
 
PRESIONA SOBRE AS IMAXES
PARA DESCARGALAS
EN ALTA RESOLUCIÓN
DESCARGAR DOSSIER | VER VIDEO


SINOPSE

Hamlet recibe unha nova sorprendente: non é fillo do seu pai lexítimo (Olaf,o rei envelenado), senón do seu tío Halmar, o asasino e usurpador do trono. A desolación e o vento aboian sobre Elsinor. A pantasma de Olaf instiga a Hamlet, pide vinganza e dille que a súa nai (Gerda) tamén debe pagar. Este cambio de perspectiva con respecto a Shakespeare marca a transición do tema tráxico da vinganza ao tema, tamén tráxico, da busca da propia identidade. O Coro revela a verdade: a ignorancia dá paso ao coñecemento, pero cun significado moi particular. Agora xa sabe quen é: froito da mentira; fillo de dous asasinos. Toda a trama vira aquí de dirección: primeiro Hamlet non dá creto, despois cambia a perspectiva, axudado por Laertes, adáptase aceptando o seu destino. Hamlet mergúllase na melancolía. Con Ofelia a escena muda de cor e aparece a poesía, o namoramento, a primavera. A parábola do intento de incesto toma un carácter máis literario que mitolóxico na escena na que Gerda faille unha confidencia privada a Poloño onde expresa os seus desexos de casar con Hamlet.

Hamlet, como personaxe construído por Cunqueiro,... semella reivindicar, a partir deste momento certos dereitos con respecto ao seu creador e conquistar autonomía. Hamlet como actor debe dominar completamente o escenario, dando a impresión de terse inventado non só a posta en escena e a súa actuación, senón tamén de ter inventado o texto dos Cómicos de Italia. A representación da pantomima pasa do plano dun ensaio presidido por Hamlet, cos Reis como espectadores clandestinos, ao plano da acción dramática, coa intervención activa dos Reis e o príncipe na mesma, todo o cal precipita os acontecementos no primeiro plano da acción dramática. O final da traxedia confúndese co desenvolvemento da pantomima.

Facer teatro aorredor da “responsabilidade humana nun mundo en descomposición” non é doado. Especialmente cando vivimos tempos de convulsión política, social e relixiosa. Buscar a verdade é unha tarefa difícil. Dende o noso punto de vista, ademáis de celebrar o centenario do nacemento e o trinta aniversario do pasamento do noso extraordinario autor, cremos que o tema ten absoluta vixencia.

Sarabela Teatro achéganos a esta obra única de Álvaro Cunqueiro, O incerto señor don Hamlet, texto lírico, intertextual e complexo que leva implícito ritmo, musicalidade, escrita de realismo soñado, con grandes acertos técnicos, forza dramática e orixinalidade. Unha montaxe cunha teatralidade nova do mal, combinada co uso da ironía e procedementos lúdicos; na que se equilibran as forzas: amor/morte. O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca, establece pontes entre tradicións culturais, seguindo a tendencia europea do teatro de mitos, adaptándose á sociedade actual.

Os oito intérpretes establecen un diálogo en contínua transformación poética (con multitude de significados posibles), por veces melancólica, retranqueira outras, potente sempre; resaltan a grotesca crueldade, o patetismo e a perplexidade, o humor... tan explícitamente e con tantos azos a través da entonación, a expresión e a evocación física que a linguaxe lírica coa que falan soa clara coma tan só poden facela emerxer actores e actrices que saben combinar técnicas interpretativas no fío dun aramio. A xustaposición do coro, dos cómicos e dos habitantes de Elsinor é un dos factores máis importantes da nosa proposta. Trátase de facer clara a forma a través dos contrastes; crear un movemento dinámico; unha posta en escena espida. Un espazo metafórico, Elsinor: recoñecible alén dos mares. Os personaxes xogan á simulación. “A corte de Dinamarca é un teatro onde ninguén é o que aparenta”. O lugar máis venteado do mundo. Un vento que provén das tebras, un vento terrorífico, unha ameaza. Un espazo simbólico de corrupción, luxuria e crimes. Hai máscaras e desenmascárase.

Entre os signos que definen a nosa proposta está a escenografía e a luz. Unha luz de caverna verde non comunica ao organismo a mesma disposición sensual que a luz dun día ventoso. Coa luz e as imaxes achegámonos ao mar. Tralo son, creador de atmosferas, a luz e as imaxes, chega a acción contemporánea, e o dinamismo da acción: aquí o teatro, “lonxe de copiar a vida tenta comunicarse coas forzas puras”. Non imita, constrúe a partir do imaxinario.

“¿Pode un home, ó mesmo tempo, ser e non ser? ¿Cantos homes son precisos, no oscuro, para facer na luz un só home verdadeiro?”

“Non hai outras certezas cas adiviñacións da poesía”. Álvaro Cunqueiro.

Que obra de teatro foi máis aló que Hamlet?

Hamlet: esperta auténtica paixón!

 

AUTOR
Álvaro Cunqueiro

DIRECCIÓN
Ánxeles Cuña Bóveda

AXUDANTES DE DIRECCIÓN
ELISENDA RENOM e NURIA GULLÓN

ELENCO
Fernando Dacosta: HAMLET
Tito Asorey: LAERTES/ ESCARAMUZA
Nate Borrajo: OFELIA
JOSITO PORTO: POLOÑO
Sabela Gago: A RAÍÑA GERDA
Elena Seijo: DONA GUGLIELMA
FINA CALLEJA: COLOMBINA
Alfredo Rodríguez: EL Rei HALMAR
TODOS:
CORO


FICHA TÉCNICA
Escenografía e iluminación:
Suso DÍaz


Vestiario:
David Rubín

Coordinación vestiario: Ruth D. Pereira

Realización vestiario: Santos Salgado, Cloti Vaello e Elena Ferro

Maquillaxe:
Beatriz Paz


Máscaras:
Sara Costa

Espazo Sonoro:
Renata Coda Fons

Fotografía:
MARIO HERRADÓN

Gráfica:
David Rubín e Suso Díaz

Proxeccións:
Suso Díaz, Diego B. Urbano

Entrenamento corpo e voz:
Elisenda Renom e Nuria Gullón

Técnicos de luz e son:
J. Manuel Bayón e Rubén Dobaño

Responsable técnico:
David Varela


CONDICIÓNS TÉCNICAS
Espazo recomendado:
9 m. ancho
5 m. alto
8 m. fondo

Potencia de luz: 60000 W Potencia de son: 1000 W Outras necesidades: Trifásica con neutro ao pé do escenario