A ESMORGA

SINOPSE


A OBRA CUME DA NOSA NARRATIVA FEITA TEATRO
Como non podía ser doutra maneira, A esmorga é a primeira criatura teatral concebida no seo do AUDITORIO, en “Auria”. Este ano celebramos o 50 aniversario da publicación da novela, cume da nosa narrativa, e os 30 anos do pasamento de Don Eduardo Blanco Amor, o noso extraordinario autor ourensán e universal. Esta é a nosa contribución para celebrar e compartir este EVENTO ÚNICO con vós.
Sarabela Teatro, COMPAÑÍA RESIDENTE DE OURENSE, comeza, polo tanto, a que esperamos sexa unha fecunda colaboración cunha obra que inspira confianza absoluta pola súa riqueza e a súa fondura e que xa causara moito impacto hai trece anos. (A Esmorga é tamén a primeira reposición da Compañía nos seus 29 anos de pervivencia teatral).

UNHA TRAXEDIA CONTEMPORÁNEA
Mantemos íntegra a adaptación textual de Begoña Muñoz e Carlos Couceiro, Recreamos a peripecia de tres individuos moi conflitivos (Cibrán, Bocas e Milhomes) que escapando da xustiza, cometen unha serie de delitos.
Xogamos coa dupla interpretación: Monólogos en presente do reo (Cibrán) en primeira persoa diante dun xuíz “ausente”; e en flashback os feitos acontecidos nas vintecatro horas de esmorga na que participou o protagonista.
Engadimos escenas xestuais como a dese personaxe maldito e enigmático Marqués de Andrada. Tamén salientamos a presenza do Coro estilizado e testemuña dos acontecementos que desdobramos en coro do pensamento e coro social.
Os actores e actrices traballan en rexistros emocionais moi intensos para que a violencia e a procura do pracer como liberación da miseria e do medo creen un clímax ascendente no que adquire unha grande importancia o contraste entre a realidade e o fantástico; entre o que é propio da vida real dos esmorgantes (tabernas, prostíbulo) e o que lles é alleo e inalcanzábel (pazos, igrexa).
Os temas van á par da acción: opresión económica, dominio social e represión sexual levan aos “esmorguistas” ao asasinato ou á autodestrución; a outra alternativa, a da loucura. Os mozos vehiculizan a violencia contra si mesmos e destrúense entre eles.
As mulleres da troulada teñen moita importancia, viven tamén nas marxes. En contraste aparece a misteriosa muller estranxeira e aristócrata que vai desmontar o mito da dona ideal. A amiga de Cibrán (A Raxada) e a nai son mulleres fortes diante da adversidade, tratan de persuadirlo para que acougue e cumpra a súa promesa. A tensión dramática é por veces moi alta.
O ambiente da obra está marcado pola chuvia, que crea unha atmosfera abafante e determina, en moitas ocasións, as decisións dos esmorgantes nesa fuxida da represión que dá grande dinamismo ao espectáculo nun clima de fatalidade que envolve os acontecementos.
Coa axuda da enorme plasticidade da escenografía, da luz, das imaxes e os efectos necesarios para visualizar as accións en itinerancia; coa valiosa aportación da música en directo; coa harmonización do vestiario, a maquillaxe e as máscaras, e por riba de todo cun elenco de primeira liña, esperamos que esta proposta, enfocada como Traxedia Contemporánea, satisfaga as túas expectativas.

UN ESPECTÁCULO CAPAZ DE FACER SANGRAR Á CHUVIA E CHORAR AO LUME
Dende a primeira escena, o espectador/a entra na traxedia. A ESMORGA combina con asombrosa naturalidade a esencia absoluta da vida e da morte. Intensa, emocionante e, sobre toda apaixoada, é unha obra MESTRA, das mellores xamais escritas. Dende logo, xa coñecerás a novela. Agora podes reservar as túas localidades.

FICHA ARTÍSTICA

AUTOR
Eduardo Blanco Amor

ADAPTACIÓN TEATRAL
Begoña Muñoz e Carlos Couceiro

AXUDANTES DE DIRECCIÓN
Tito Asorey e Nate Borrajo

DIRECCIÓN
Ánxeles Cuña Bóveda

ELENCO
Fernando Dacosta: Cibrán
Vicente de Souza: Bocas
Josito Porto: Milhomes
Nate Borrajo: a Raxada, coro e Cupatrás
Rosa Álvarez: Tía Esquilacha, coro e Piolla
Elena Seijo: Nonó e coro
Sabela Gago: a Viguesa, a Señora de Andrada e coro
Fina Calleja: a Costilleta, a Socorrito e coro
Tito Asorey: señor de Andrada e coro
David Varela: torturador e coro
Vadzim Yukhnevich e Yuri Sidar: músicos en escena

DATA E LUGAR DE ESTREA: 18 de setembro de 2009. Auditorio Municipal, Ourense.

FICHA TÉCNICA

Escenografía e iluminación: Suso Díaz
Vestiario: Ruth Díaz Pereira
Son: Vadzim Yukhnevich e Yuri Sidar
“Canción do Cibrán” e “Ourense ao lonxe”: Manuel de Dios
Proxeccións: Diego Blanco e Suso Díaz
Deseño gráfico: 1:media
Perruquería e maquillaxe: Raquel Fidalgo
Máscaras: Sara Costa
Fotografía: Mario G. Herradón
Vídeo: Alba Vázquez Carpentier
Realización estrutura metálica: A Tixeira
Realización escenografía: Sarabela Teatro
Produción artística: Fina Calleja
Produción económica: Elena Seijo
Distribución: Fina Calleja
Técnico de luz: Jose Manuel Bayón
Técnico de son: Rubén Dobaño
Técnico de escena: David Varela

AGRADECEMENTOS
Vicerreitoría do Campus de Ourense, Víctor Freixanes, Pen Clube, Alfonso Blanco “Fosco”, Gustavo (A Tixeira), Mario e David “Liza”, Maribel Feijoo, Sergio Lameiras, Manuel González.

A Quico, Serxio, Pilar, Isaac, Arturo, Jesús, Antón, Manolo, Arturo, Lalo, Marcos, Araceli, Miriam e Carmela por acompañarnos naquela primeira viaxe de hai 13 anos polas rúas de Auria.

DESCARGAS

Sarabela S.L. conta con financiamento da Unión Europea – NextGenerationEU, no marco das subvencións á aceleración cultural no ámbito das artes escénicas da Xunta de Galicia.